miércoles, 17 de agosto de 2011

Un total de 800 galegos poderán acreditar a súa experiencia profesional en atención sociosanitaria ao longo de 2011


Un total de 800 galegos poderán acreditar a súa experiencia profesional en atención sociosanitaria ao longo de 2011

A Consellería de Traballo e Benestar prevé sacar a finais de ano unha nova convocatoria na que se ofertará un maior número de prazas e se incluirán novos sectores como o das redeiras e o dos louseiros
Esta iniciativa do Goberno galego recoñece oficialmente as aprendizaxes non formais, en especial, aos traballadores e traballadoras que aprenderon a súa profesión mediante a experiencia laboral
Na primeira convocatoria deste ano existen 500 prazas para atención no domicilio e 300 para atención en institucións sociosanitarias
Na actualidade existen na Comunidade autónoma máis de 3.800 persoas que contan con este recoñecemento no sector sociosanitario 
 
Ana María Díaz López, directora xeral de Formación e Colocación
Santiago, 17 de agosto de 2011.- Un total de 800 galegos e galegas poderán acreditar este ano a súa experiencia profesional no ámbito de atención sociosanitaria, unha iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar que para finais de ano se prevé ampliar tanto en número de prazas como a outros sectores como son o das redeiras e o dos louseiros.
Trátase de recoñecer oficialmente as aprendizaxes non formais, isto é, o que as persoas aprenderon a través de diferentes vías, non só a través da formación ‘non formal’, senón tamén, e de forma especial, o que os traballadores e traballadoras aprenderon mediante a súa experiencia laboral.
As acreditacións teñen carácter estatal e efectos profesionais e académicos, é dicir, convalidacións nos módulos da FP inicial que oferta a Consellería de Educación ou da formación para o emprego que oferta o departamento de Traballo e Benestar.
En Galicia, un dos colectivos prioritarios en acreditar as súas competencias é o sociosanitario en persoas maiores ou dependentes como consecuencia da entrada en vigor da Lei de Dependencia no ano 2006, xa que esta normativa establece que entre 2012 e 2015 todas as persoas que traballen como persoal auxiliar, a domicilio ou en residencias e institucións sociais deben posuír unha determinada formación ou unha acreditación oficia da súa competencia profesional. En concreto, o colectivo destas persoas traballadoras en Galicia está formado por ao redor de 11.000 persoas.
Así, a Consellería de Traballo e Benestar tivo en conta esta necesidade e xa leva acreditas neste ámbito máis de 3.800 persoas, ben porque realizaron cursos de formación para o emprego do propio departamento autonómico ou ben porque desenvolveron as probas de certificados de profesionalidade.
Para continuar con este proceso de acreditación, o departamento autonómico levou a cabo este ano unha primeira convocatoria do proceso de recoñecemento de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral na que se inscribiron un total de 5.900 persoas. Ofertáronse 800 prazas, en concreto, 500 para atención no domicilio e 300 para atención en institucións sociosanitarias.
Na actualidade, estanse a baremar as 5.900 solicitudes presentadas, asignando unha puntuación establecida en función dos anos de experiencia e horas de formación non formal. Este mesmo mes publicouse na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar as listas definitivas de admitidos e excluídos para iniciar o proceso de recoñecemento da súa experiencia.
O proceso realízase en tres fases. Na primeira, de asesoramento, axúdase a cada persoa a xustificar ou documentar a súa competencia mediante a elaboración dun dossier completo de competencias profesionais.
Na segunda fase, a de avaliación, unha comisión elabora a partir do dossier un plan individualizado para cada candidato co obxectivo de que poda demostrar o seu desempeño profesional a través de distintos métodos e actividades de avaliación, que serán eminentemente prácticos, primado as simulacións de situacións reais de traballo e entrevistas profesionais.
Por último, as persoas que superen a fase de avaliación poderán, entón, acreditar a súa competencia profesional.
Dada a demanda acadada, a Xunta está a traballar nunha segunda convocatoria que sairá a finais de 2011, na que se prevé ampliar as prazas e os sectores ou ocupacións.
Para levar a cabo este proxecto, a Consellería de Traballo e Benestar conta coa xestión do Instituto Galego das Cualificacións e co 70 profesionais expertos que tras realizar os correspondentes cursos organizados por esta Consellería, están xa habilitados a nivel autonómico e estatal como asesores e avaliadores. Este mes, ademais, prevese convocar un novo curso para habilitar a máis asesores e avaliadores. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario